Consello Galego de Museos

Museo Provincial de Lugo

Creado en 1932 pola a Deputación de Lugo, abre ao público en 1934 no Pazo de San Marcos. O incremento de fondos forza o traslado en 1957 ao antigo convento de San Francisco onde se conservan a cociña, o claustro e o refectorio, ampliándose este edificio cun deseño do arquitecto M. Gómez Román. O 1 de marzo de 1962 foi declarado BIC e en 1997 ampliouse de novo, segundo proxecto de A. González Trigo.

PLANTA BAIXA
No Refectorio pódense ver diferentes elementos de tipo etnográfico (maquetas de construcións tradicionais, lareira e cheminea, utensilios e mobiliario da cociña tradicional). No Claustro (ss. XV-XVIII) exhíbense diferentes elementos epigráficos, heráldicos e similares de diversas épocas. O acceso á antiga sala capitular acolle restos romanos. Nas salas dedicadas a Arte Sacra exponse pintura, escultura, así como cruces procesionais e obxectos e ornamentos de uso litúrxico. Na Sala de Mosaicos destacan dous exemplares de época romana (s. III d.C.) e a estela funeraria de Crecente (ss. I-II d.C.).

PRIMEIRA PLANTA
No vestíbulo, ao que se accede por unha escaleira neobarroca, atopamos dúas obras excepcionais de F. Asorey, “A ofrenda a San Ramón” e “San Francisco”. Na Sala de Ourivería exponse unha colección única pezas de ouro e prata, da Idade de Bronce e da Cultura Castrexa. A Sección de Prehistoria e Arqueoloxía abrangue obxectos desde o Paleolítico ata a Romanización. Na Sección de Numismática e Medallística poden verse moedas e medallas conmemorativas.

Na Sección de Arte Galega atopamos acibeches composteláns, ourivería popular, pintura dos ss. XIX e XX, escultura, obra das vangardas, da figuración e da abstracción. Complementan esta sección as salas monográficas dedicadas a Antonio Fernández, Xesús R. Corredoira, Xulia Minguillón, Castelao, Castro Gil, Prieto Nespereira, e a dedicada á louza de Sargadelos do s. XIX.

Doutras procedencias hai mostras de cerámica dourada, esmaltada e pintada e estampada, vidros e cristais de La Granja e unha sala con abanos, reloxos e retratos.

A visita ás coleccións de Arte Moderna e Contemporánea permite ver pintura desde o barroco ás vangardas do s. XX, moitas delas depósitos do Museo Nacional del Prado e do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, e as colección de lucernas de diversas épocas doadas por D. José Varela Dafonte poñen punto final á exposición permanente.

Logo do Museo Provincial de Lugo

Enderezo:
Praza da Soidade s/n
27001 Lugo
Teléfono: 982 242112
Fax: 982 240240
E-mail: info@museolugo.org
Web: www.museolugo.org


Horario:
De setembro a xuño: de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:30; sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00; domingos e festivos de 11:00 a 14:00.
Xullo e agosto: de luns a venres de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00; sábados de 10:00 a 14:00; domingos e festivos, pechado
Días de peche: 1 de xaneiro, martes de Entroido, 22 de maio e 24, 25 e 31 de decembro.


Servizos:
Prezo da entrada De balde
Biblioteca / centro de documentación SI
Tenda / venda de publicacións NON
Instalacións adaptadas á diversidade funcional SI

Temática:
Arqueoloxía e Historia, Etnografía e Artes Decorativas, Belas Artes

Contactar có museo

San Domingos de Bonaval 15703 Santiago de Compostela
Tel.(981) 583620 - Fax 554840| secretaria@cgmuseos.org
XHTML 1.0 Strict válido CSS válido

Co patrocinio da:Xunta de Galicia