Consello Galego de Museos

Museo de Historia Natural Luís Iglesias

O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago ten a súa orixe no ano 1840, cando nace como complemento didáctico da cátedra de Historia Natural da Universidade compostelá, dirixida por Antonio Casares.

As súas primeiras coleccións foron mercadas en importantes casas de material científico de París, mais o grande valor deste museo non son as adquisicións, senón as coleccións de investigación que van conformando os seus fondos ao longo destes cento cincuenta anos. A través das súas salas podemos facer un percorrido polo labor dos máis sobranceiros científicos galegos como Víctor López Seoane, Isidro Parga Pondal, José Rodríguez,…ata chegar aos nosos días, onde as coleccións dos actuais departamentos universitarios seguen incrementando este valioso patrimonio científico.

A esta vía de conformación uniuse ao longo dos dous séculos a xenerosidade e esforzo de moitos particulares que converteron o Museo nun centro de gran valor. Dende os membros da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, ata calquera particular, todos os interesados polo progreso das Ciencias en Galicia fixeron un grande esforzo por incrementar os seus fondos, resaltando entre todos os socios da Biblioteca América que conseguiron dotar o Museo de relevantes coleccións americanas.

Todo este patrimonio fixo do centro un "escaparate do mundo natural", en xeral, e da ciencia galega, en particular que se pode percorrer nas súas tres salas:

A Sala 1 onde se expoñen os exemplares de Fauna Mundial, Fauna Mariña e Anatomía Comparada.

A Sala 2 dedicada principalmente á Fauna Galega e á Fauna da Península Ibérica, con seccións de Entomoloxía e de Instrumental Científico.

A Sala 3 abarca as coleccións xeolóxicas e botánicas (herbario de Merino, micoteca de César Sobrado Maestro, madeiras, sementes americanas, figuras clásticas e modelos de flores).

Hoxe o Museo está ás portas dunha nova etapa, coa construción polo Consorcio de Santiago do seu novo edificio no Parque de Vista Alegre. O proxecto inicia a súa andaina en outubro de 2009 e permitirá albergar o importante patrimonio deste museo, así como dotalo dos espazos necesarios para tarefas didácticas, investigadoras, e para que cumpra a súa función como recurso principal de divulgación científica da Universidade de Santiago de Compostela.

Logo do Museo de Historia Natural Luis Iglesias

Enderezo:
Facultade de Química
Avda. das Ciencias s/n. Campus Sur
15782 Santiago de Compostela
Teléfono: 981 563100 ext: 14202
Fax: 881 970120
E-mail: museohn@usc.es
Web: www.usc.es/museohn


Horario:
De luns a xoves 10:00 a 13:00 e de 16:30 a 19:00.
Días de peche: sábado, domingo e festivos.


Servizos:
Prezo da entrada Gratuíta
Biblioteca / centro de documentación SI
Tenda / venda de publicacións NO
Instalacións adaptadas á diversidade funcional SI

Temática:
Ciencias naturais

Contactar có museo

San Domingos de Bonaval 15703 Santiago de Compostela
Tel.(981) 583620 - Fax 554840| cgmuseos@interbook.net
XHTML 1.0 Strict válido CSS válido

Co patrocinio da:Xunta de Galicia