Consello Galego de Museos

Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego xorde a finais do ano 1975 como unha iniciativa asociativa na procura dunha canle axeitada para contribuír á normalización da cultura galega nun momento no que morría a ditadura e se abría un horizonte de liberdades democráticas. En xaneiro de 1976 constitúese un padroado coa función de crear unha institución que tería como funcións a recollida, clasificación, estudo e divulgación de materiais e datos etnográficos, subliñando que o proceso de cambio social e ideolóxico e o conseguinte deterioro dos aspectos fundamentais da cultura galega facían urxente ese labor. En febreiro de 1977, o Concello de Santiago de Compostela cede o antigo convento de San Domingos de Bonaval ao Padroado, e o Museo abre as súas primeiras salas o 29 de outubro de 1977.

A actividade que o Museo realiza é ampla e diversificada. Ademais das mostras da cultura presentes nas salas permanentes –o mar, o campo, os oficios, o hábitat, a indumentaria, a música, a sociedade, a imprenta, o libro e a prensa–, conta con servizos de biblioteca e arquivo, publicacións, exposicións temporais e educación e acción cultural.

A Xunta de Galicia, por Decreto 111/1993 de 22 de maio, recoñeceu o Museo do Pobo Galego como centro sintetizador dos museos e coleccións antropolóxicas de Galicia.

Hoxe, cando o Museo do Pobo Galego acadou un grao de desenvolvemento que poucas iniciativas desta natureza conseguiron, os cambios socioculturais que experimentou o país, singularmente desde a instauración da autonomía, e as novas tendencias da museoloxía a escala internacional poñen a institución nunha situación de evolución permanente, non só para dar resposta a estas novas demandas, senón para seguir cumprindo aquel papel que inicialmente se lle quixo atribuír como “unha entidade dinámica que acolla no seu seo unha síntese da cultura popular galega nas súas diversas facetas. Unha institución que recolla e conserve esta cultura, pero que supere o ámbito museolóxico tradicional, que a estudie cientificamente e a divulgue”.

Logo do Museo do Pobo Galego

Enderezo:
San Domingos de Bonaval
15703 Santiago de Compostela
Teléfono: 981 583620
Fax: 981 554840
E-mail: info@museodopobo.gal
Web: www.museodopobo.gal


Horario:
De martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.
Domingos e festivos de 11:00 a 14:00.
Días de peche: luns, 25 de decembro e 1 de xaneiro.


Servizos:
Prezo da entrada 3 euros; reducida 1 euro; grupos 2 euros por persoa; socios, estudantes menores de 18 anos e traballadores no paro de balde. Visita gratuíta a exposicións temporais.
Tenda / venda de publicacións SI
Instalacións adaptadas á diversidade funcional Parcialmente

Temática:
Antropoloxía

Contactar có museo

San Domingos de Bonaval 15703 Santiago de Compostela
Tel.(981) 583620 - Fax 554840| secretaria@cgmuseos.org
XHTML 1.0 Strict válido CSS válido

Co patrocinio da:Xunta de Galicia