Coloquios
Galegos de Museos
Desde a súa
oficialización mediante unha figura legal, a actividade
do Consello Galego de Museos foise consolidando e ampliando. O
segundo Coloquio Galego de Museos celebrouse en Lugo en 1984.
O terceiro tivo lugar no Museo Arqueolóxico Provincial
de Ourense en 1990. Os seguintes tiveron xa carácter monográfico:
IV Investigación e Museos. Pontevedra, 1994
V Museos: do marco normativo á organización. Melide,
1997
VI A conservación preventiva. A Coruña, 2000
VII Museos: construíndo a Comunidade. Santiago de Compostela,
2002
VIII Os museos e o seu público. Ponteareas, 2004.
Os coloquios contan co patrocinio da Dirección Xeral de
Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, o mesmo que a edición
das respectivas actas, publicadas en 1992 (recollendo parte dos
materiais dos tres primeiros Coloquios), 1997, 1998, 2001 e 2003.
Están no prelo as actas do VIII Coloquio.
Ademais da organización dos Coloquios, desenvólvense
periodicamente as Xornadas Técnicas, concibidas eminentemente
como un ámbito de análise e debate de problemas.
|
|
DO MARCO NORMATIVO Á ORGANIZACIÓN
Melide, 20-22 novembro 1997
Conclusións
- A demanda social de coñecemento sitúa os centros museísticos
na encrucillada de responderen axeitadamente a novos requirimentos,
mediante a transformación progresiva dos centros e a súa
incardinación social como propostas vertebradoras, converténdose
en elementos dinamizadores e axentes fundamentais da vida cultural.
Para que a resposta a estas demandas sexa positivamente percibida pola
sociedade, o museo necesita articularse organizativamente, coa flexibilidade
precisa para unha acción eficaz. Esa articulación organizativa
debe dotar ós museos da autonomía funcional precisa, que
lles permita cumprir con fluidez e eficacia os seus fins. Xa que logo,
nun diálogo aberto coas propias institucións museísticas,
é necesario que a Administración competente aborde de
inmediato o desenvolvemento dos instrumentos normativos e regulamentarios
que se contemplan na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
- A limitación actual de recursos fai necesaria a procura de
novas fontes de financiamento e mecenado, na perspectiva de que os centros
museísticos, como acontece nos países do noso entorno,
poidan ofrecer á comunidade os seus enormes recursos culturais
e educativos. Para isto, os museos precisan da autonomía funcional
a que se aludía no punto anterior. Neste sentido, cabe constatar
a relación progresiva das Fundacións privadas co mundo
do Patrimonio Cultural e dos museos, agardando que a súa vinculación
se produza en harmonía coa organización interna e as especificidades
de cada centro.
- A maioría dos museos galegos carecen dos recursos humanos
suficientes para cumprir os seus fins. Por outra parte, nos centros
de dependencia autonómica, as novas dotacións están
a plantexar problemas organizativos, de acceso e adecuación,
ó ser considerados como unidades administrativas antes ca como
centros de acción cultural. A formación de persoal de
museos require dunha nova formulación da especialidade, tanto
como dunha vertente práctica que complemente os contidos teóricos
dos programas, axeitándose á progresiva tecnificación
e complexidade dos sistemas de traballo.
- A solución dos problemas teóricos e prácticos
da organización e racionalización dos medios dispoñibles,
case sempre escasos, tendo en conta o volume e índole do traballo
a desenvolver, pasa polo recoñecemento da capacidade de xestión
e da singularidade de cada centro.
|