|
|
|
Como resultado do X Coloquio Galego de Museos: Museos e Comunicación, celebrado en Ribadavia os días 2 a 4 de outubro de 2008, baixo a organización do Museo Etnolóxico e do Consello Galego de Museos, adoptáronse as seguintes conclusións: Do mesmo xeito que os museos, no exercicio das funcións que teñen atribuídas, avanzan nas tarefas de conservación e investigación, deberán afondar no desenvolvemento dos conceptos de difusión, divulgación e comunicación para progresaren no cumprimento do seu compromiso social. Sen perder de vista o vínculo primario dos museos coa comunidade próxima, e cos seus visitantes en xeral, faise evidente a necesidade de ter en conta un novo público que xa non é presencial. Un público virtual que non se conforma con ser espectador do que os museos lle ofrecen, senón que quere participar na configuración da súa experiencia cultural e que ten un gran poder multiplicador. Os museos enfróntanse, xa que logo, coa necesidade de potenciar a interdisciplinariedade e a formación do seu persoal no uso das novas linguaxes da comunicación. Nesta procura xogan un papel esencial as novas tecnoloxías, sempre que non sexan vistas como un fin, senón como un medio. Na súa relación cos medios de comunicación, cuestión esencial para a divulgación do seu labor cara á sociedade, os museos, en tanto que vehículos de transmisión do coñecemento, deben manter os principios de obxectividade e credibilidade, tomando unha posición fronte á visión superficial e banalizadora da cultura que se transmite desde un sector dos medios de masas e desvinculando a súa actividade das imposicións das tendencias mediáticas. Cómpre incorporar á museografía a disciplina da interpretación do patrimonio como unha estratexia de mediación válida para os museos, co obxectivo de facer accesibles os contidos do patrimonio cultural e natural a todo tipo de público. Nesta liña, cabe esperar que a futura lei de museos de Galicia defina suficientemente o concepto de centro de interpretación, para poñer fin á proliferación indiscriminada de instalacións que, baixo esa denominación, responden unicamente a intereses políticos conxunturais sen aportaren nada ao ámbito do patrimonio cultural. Constátase como un feito positivo a decidida incorporación dos museos de patrimonio natural ás novas tendencias museolóxicas e museográficas, transcendendo a clásica figura do gabinete de espécimes para asumiren unha función de interpretación e divulgación do coñecemento científico. Ribadavia, outubro 2008
|
![]() |