Consello Galego de Museos

V Coloquio Galego de Museos

DO MARCO NORMATIVO Á ORGANIZACIÓN

Melide, 20-22 novembro 1997

Conclusións:

  1. A demanda social de coñecemento sitúa os centros museísticos na encrucillada de responderen axeitadamente a novos requirimentos, mediante a transformación progresiva dos centros e a súa incardinación social como propostas vertebradoras, converténdose en elementos dinamizadores e axentes fundamentais da vida cultural. Para que a resposta a estas demandas sexa positivamente percibida pola sociedade, o museo necesita articularse organizativamente, coa flexibilidade precisa para unha acción eficaz. Esa articulación organizativa debe dotar ós museos da autonomía funcional precisa, que lles permita cumprir con fluidez e eficacia os seus fins. Xa que logo, nun diálogo aberto coas propias institucións museísticas, é necesario que a Administración competente aborde de inmediato o desenvolvemento dos instrumentos normativos e regulamentarios que se contemplan na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
  2. A limitación actual de recursos fai necesaria a procura de novas fontes de financiamento e mecenado, na perspectiva de que os centros museísticos, como acontece nos países do noso entorno, poidan ofrecer á comunidade os seus enormes recursos culturais e educativos. Para isto, os museos precisan da autonomía funcional a que se aludía no punto anterior. Neste sentido, cabe constatar a relación progresiva das Fundacións privadas co mundo do Patrimonio Cultural e dos museos, agardando que a súa vinculación se produza en harmonía coa organización interna e as especificidades de cada centro.
  3. A maioría dos museos galegos carecen dos recursos humanos suficientes para cumprir os seus fins. Por outra parte, nos centros de dependencia autonómica, as novas dotacións están a plantexar problemas organizativos, de acceso e adecuación, ó ser considerados como unidades administrativas antes ca como centros de acción cultural. A formación de persoal de museos require dunha nova formulación da especialidade, tanto como dunha vertente práctica que complemente os contidos teóricos dos programas, axeitándose á progresiva tecnificación e complexidade dos sistemas de traballo.
  4. A solución dos problemas teóricos e prácticos da organización e racionalización dos medios dispoñibles, case sempre escasos, tendo en conta o volume e índole do traballo a desenvolver, pasa polo recoñecemento da capacidade de xestión e da singularidade de cada centro.

Co patrocinio de:

logtipo da Xunta
Xunta de Galicia.
Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.
Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Coloquios Galegos de Museos

Desde a súa oficialización mediante unha figura legal, a actividade do Consello Galego de Museos foise consolidando e ampliando. O segundo Coloquio Galego de Museos celebrouse en Lugo en 1984. O terceiro tivo lugar no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en 1990. Os seguintes tiveron xa carácter monográfico: IV Investigación e Museos. Pontevedra, 1994 V Museos: do marco normativo á organización. Melide, 1997 VI A conservación preventiva. A Coruña, 2000 VII Museos: construíndo a Comunidade. Santiago de Compostela, 2002 VIII Os museos e o seu público. Ponteareas, 2004 IX Museos, espazo e discurso. Lugo, 2006.

Os coloquios contan co patrocinio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte – Xunta de Galicia, o mesmo que a edición das respectivas actas, publicadas en 1992 (recollendo parte dos materiais dos tres primeiros Coloquios), 1997, 1998, 2001, 2003 e 2006. Están no prelo as actas do IX Coloquio.

Ademais da organización dos Coloquios, desenvólvense periodicamente Xornadas Técnicas, concibidas eminentemente como un ámbito de análise e debate de problemas profesionais.

San Domingos de Bonaval 15703 Santiago de Compostela
Tel.(981) 583620 - Fax 554840| secretaria@cgmuseos.org
XHTML 1.0 Strict válido CSS válido

Co patrocinio da:Xunta de Galicia