Consello Galego de Museos

X Coloquio Galego de Museos

MUSEOS E COMUNICACIÓN

Museo Etnolóxico. Ribadavia, 2 a 4 de outubro de 2008

Como resultado do X Coloquio Galego de Museos: Museos e Comunicación, celebrado en Ribadavia os días 2 a 4 de outubro de 2008, baixo a organización do Museo Etnolóxico e do Consello Galego de Museos, adoptáronse as seguintes conclusións:

Do mesmo xeito que os museos, no exercicio das funcións que teñen atribuídas, avanzan nas tarefas de conservación e investigación, deberán afondar no desenvolvemento dos conceptos de difusión, divulgación e comunicación para progresaren no cumprimento do seu compromiso social.

Sen perder de vista o vínculo primario dos museos coa comunidade próxima, e cos seus visitantes en xeral, faise evidente a necesidade de ter en conta un novo público que xa non é presencial. Un público virtual que non se conforma con ser espectador do que os museos lle ofrecen, senón que quere participar na configuración da súa experiencia cultural e que ten un gran poder multiplicador. Os museos enfróntanse, xa que logo, coa necesidade de potenciar a interdisciplinariedade e a formación do seu persoal no uso das novas linguaxes da comunicación. Nesta procura xogan un papel esencial as novas tecnoloxías, sempre que non sexan vistas como un fin, senón como un medio.

Na súa relación cos medios de comunicación, cuestión esencial para a divulgación do seu labor cara á sociedade, os museos, en tanto que vehículos de transmisión do coñecemento, deben manter os principios de obxectividade e credibilidade, tomando unha posición fronte á visión superficial e banalizadora da cultura que se transmite desde un sector dos medios de masas e desvinculando a súa actividade das imposicións das tendencias mediáticas.

Cómpre incorporar á museografía a disciplina da interpretación do patrimonio como unha estratexia de mediación válida para os museos, co obxectivo de facer accesibles os contidos do patrimonio cultural e natural a todo tipo de público. Nesta liña, cabe esperar que a futura lei de museos de Galicia defina suficientemente o concepto de centro de interpretación, para poñer fin á proliferación indiscriminada de instalacións que, baixo esa denominación, responden unicamente a intereses políticos conxunturais sen aportaren nada ao ámbito do patrimonio cultural.

Constátase como un feito positivo a decidida incorporación dos museos de patrimonio natural ás novas tendencias museolóxicas e museográficas, transcendendo a clásica figura do gabinete de espécimes para asumiren unha función de interpretación e divulgación do coñecemento científico.

Ribadavia, outubro 2008

Organizado por:

CONSELLO GALEGO DE MUSEOS
MUSEO ETNOLÓXICO. RIBADAVIA

Patrocinado por:

XUNTA DE GALICIA. Consellería de Cultura e Deporte
Dirección Xeral de Patrimonio cultural

Secretaría:

Museo Etnolóxico
Rúa Santiago 10
32400 RIBADAVIA, Ourense
T 988 4718 43 – F 981 470961

http://museoetnoloxico.ribadavia-blog.xunta.es/

mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.es

Coloquios Galegos de Museos

Desde a súa oficialización mediante unha figura legal, a actividade do Consello Galego de Museos foise consolidando e ampliando. O segundo Coloquio Galego de Museos celebrouse en Lugo en 1984. O terceiro tivo lugar no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en 1990. Os seguintes tiveron xa carácter monográfico: IV Investigación e Museos. Pontevedra, 1994 V Museos: do marco normativo á organización. Melide, 1997 VI A conservación preventiva. A Coruña, 2000 VII Museos: construíndo a Comunidade. Santiago de Compostela, 2002 VIII Os museos e o seu público. Ponteareas, 2004 IX Museos, espazo e discurso. Lugo, 2006.

Os coloquios contan co patrocinio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte – Xunta de Galicia, o mesmo que a edición das respectivas actas, publicadas en 1992 (recollendo parte dos materiais dos tres primeiros Coloquios), 1997, 1998, 2001, 2003 e 2006. Están no prelo as actas do IX Coloquio.

Ademais da organización dos Coloquios, desenvólvense periodicamente Xornadas Técnicas, concibidas eminentemente como un ámbito de análise e debate de problemas profesionais.

San Domingos de Bonaval 15703 Santiago de Compostela
Tel.(981) 583620 - Fax 554840| secretaria@cgmuseos.org
XHTML 1.0 Strict válido CSS válido

Co patrocinio da:Xunta de Galicia