Museo das Mariñas


O Museo das Mariñas creouno o Concello de Betanzos no 1983 e reinaugurouno no 1993 despois dunha rehabilitación integral do antigo convento de San Domingos (ss. XVI-XVII) con interesantes elementos barrocos.
Como queira que Betanzos é unha cidade medieval, éntrase na IDADE MEDIA a través de numerosos sepulcros dos ss. XIV-XV. Logo viáxase cara atrás a traveso da ARQUEOLOXÍA ROMANA E CASTREXA (ara de Fervenzas, estelas funerarias, muiños de man...) para chegar á zona do VIÑO, cun lagar tipo Plinio.
Subimos as monumentais escaleiras rodeados de escudos de cabaleiros e entramos na SALA DO TRAXE con arredor de 50 de toda Galicia. Pasamos logo á zona dos SÍMBOLOS: bandeira e documentos do Goberno Republicano Español no Exilio (París), bandeira das Irmandades da Fala de Betanzos, busto de Castelao do Centro Betanzos de Buenos Aires, tambor dos bandos (1844)... A medida do Tempo dánola o reloxo da torre dese nome, feito por Lombardero no 1757. Óleos, fotografías e debuxos de Francisco J. Martínez Santiso lévannos ata "O Globo". E así chegamos ás ANTIGAS ESCOLAS, con libros, mapas, restos dun museo escolar local (mandíbulas de balea...), aparatos "mecánicos" do s. XIX para visualizar gravados didáticos, pupitres...
A COLECCIÓN JIMÉNEZ-COSSÍO está chea de fermosísimos bordados antigos (s. XVI-XIX), abanicos, etc. recollidos (ss. XIX-XX) por D. Manuel Bartolomé Cossío e a súa dona, Dª Carmen López-Cortón Viqueira. E seguimos despois polo fiado/tecido (teares...) e outros oficios tradicionais.
A sala do APOSTOLADO DE RUBENS é unha das estrelas do museo, posto que ten unha colección pictórica de 13 táboas, de Rubens ou da súa escola, traídas de Anveres polos fundadores do Hospital de San Antonio no s. XVII. Compleméntase con outro apostolado en gravados de época e tamén de Anveres (doación de M. Madou).
Un descanso no claustro do convento, rodeados por cipreses, camelias e cantos de paxaros, remata a visita.

Museo das Marinhas

Foto museo das Marinhas

enderezo
Convento de Sto. Domingo
Emilio Romay, 1
15300 - Betanzos (A Coruña)
Tel. 981 - 77 19 46
bibli1@alsernet.es

H O R A R I O
  Luns-venres:
10-13 / 16-20 h.
Sábados:
10:30-13h.
Festivos:
pechado
B I B L I O T E C A
  Biblioteca e Arquivo Municipais no mesmo edificio.
T A R I F A
  Maiores de 14 anos:
230 pta.
Gratuíta:
Menores de 14 anos acompañados, grupos escolares...
Mes de portas abertas en maio.


San Domingos de Bonaval 15703 Santiago de Compostela Tel.(981) 583620 Fax 554840 cgmuseos@interbook.net