|
En 1981 organizouse
en Compostela o primeiro Coloquio de Museos Galegos, que foi a primeira
tentativa de establecer unhas liñas de coordinación e
cooperación entre os museos de Galicia. Entre as conclusións
daquel primeiro encontro formulábase o propósito de constituír
unha plataforma estable que posibilitase a "coordinación
e colaboración entre as institucións museísticas
galegas, e que tería como función primordial a de procurar
solucións para a problemática xeral plantexada".
Será en 1983 cando se formalice a creación do Consello
Galego de Museos, que como tal é invitado a designar un representante
no recén creado Consello da Cultura Galega. Pero é en
1990 cando o Consello Galego de Museos adquire estatuto legal mediante
a fórmula de asociación de ámbito galego. A acta
fundacional, asinada o 21 de xullo, aparece subscrita por dez Museos,
de moi diversa titularidade; no día de hoxe, son vintenove os
centros incorporados ao Consello.
Atopámonos nun momento no que o concepto de museo tradicional
está a mudar. Os cambios e transformacións que se están
a producir desde hai xa anos puxeron en evidencia a crise do museo baseado
nas coleccións e na súa conservación. Unha crise
que esixe unha redefinición e un novo enfoque na formulación
e no papel destas institucións. Ás funcións convencionais
se lles engaden agora outras, entre elas a das novas técnicas
e sistemas de comunicación, un meirande carácter educativo
ou o papel xerador e canalizador de cultura.
Tense salientado tamén como unha alternativa para esa urxente
redefinición que debe partirse da concepción do museo
como un elemento que simbolice a identidade cultural; ser, en consecuencia,
o reflexo dunha sociedade que tamén está en constante
evolución e inserirse nese contexto social que está a
demandar un novo tipo de institución en consonancia coas ideas,
posibilidades e recursos dos novos tempos. Na liña desta alternativa
deben inscribirse os museos galegos, para os que é irrenunciable
centrar as súas accións no proceso de normalización
da cultura de Galicia e de reconstrucción da nosa conciencia
colectiva, como centros que son, en gran medida, a memoria histórica,
a memoria cultural das comunidades.
Velaquí os principios e obxectivos que informan o traballo do
Consello Galego de Museos. Poderán adherirse a el todos aqueles
centros museísticos do ámbito da Comunidade Autónoma
de Galicia, calquera que sexa a súa titularidade que así
o soliciten, mediante aportación de certificación de acordo
en tal sentido adoptado polos respectivos órganos rectores.

|