Consello Galego de Museos

VI Coloquio Galego de Museos

A CONSERVACIÓN PREVENTIVA NOS MUSEOS

A Coruña, 27-29 xaneiro 2000

Conclusións:

Resulta evidente que a conservación non é un obxectivo en si mesma, máis ben un instrumento fundamental e imprescindible para lograr o obxectivo educacional e o fomento da conciencia social e da memoria histórica colectiva que é propio do museo. Xa que logo, cómpre non perder de vista este feito para colocar a situación no seu oportuno lugar.

  1. Avaliar as necesidades de investimento necesario e razoable nos programas de reinstalación de coleccións, tanto a nivel expositivo como de reservas, que deben afrontar os museos de Galicia, seguindo os exemplos contrastados noutras experiencias como as que coñecemos nestes días.
  2. . Establecer criterios xerais serios fronte ós problemas das continuas exposicións temporais repetitivas, exposicións que deben ser obxecto de reflexión e axeitada valoración, non como espectáculo, senón en función dos obxectivos específicos de educación que tipifican o labor dos museos, tendo en conta a incidencia que estas actividades teñen na conservación dos bens culturais.
  3. Desenvolver as accións de sensibilización social e formación continuada dos profesionais que traballan nos museos para mellorar a capacidade de resposta ante os retos definidos nos programas de riscos que afectan ós museos e ás coleccións. Esa acción comeza xa no deseño dos espacios museísticos, a súa planificación, emprazamento e dotación, adecuadas e acordes coas realidades existentes.
  4. Establecer novos obxectivos globais para os museos de Galicia, tanto no nivel normativo como dotacional -medios e persoal- para achegármonos ós modos de xestión dos bens culturais propios da realidade socioeconómica na que nos situamos.
  5. Expresar a vontade dos profesionais dos museos de asumir o traballo e as responsabilidades que se derivan da súa propia actividade no labor da conservación preventiva.
  6. Lembrar que a existencia dun museo non pode ser concibida sen a recuperación dun patrimonio; polo tanto, ambas as dúas nocións, museo e patrimonio cultural, son inseparables. As tecnoloxías virtuais constitúen un apoio instrumental e nunca un obxectivo museolóxico en si mesmas.
  7. Seguir reclamando, desde o Consello Galego de Museos, o desenvolvemento axeitado da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, dunha regulamentación que sexa útil para todo tipo de centros e, polo tanto, consensuada na medida do posible. Isto tamén reverterá positivamente en todos os aspectos relacionados coa conservación preventiva: na súa organización, nos seus centros, na formación e no labor diario dos técnicos que a ela se dedican e, en fin, na súa aplicación ó patrimonio cultural que a motiva.

Como síntese final, cómpre salientar que a noción integral de conservación e recuperación do patrimonio cultural é indisociable da recuperación da propia memoria cultural e da identidade que ela leva implícita.

A Coruña, 29 de xaneiro de 2000

Co patrocinio de:

logtipo da Xunta
Xunta de Galicia.
Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.
Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Coloquios Galegos de Museos

Desde a súa oficialización mediante unha figura legal, a actividade do Consello Galego de Museos foise consolidando e ampliando. O segundo Coloquio Galego de Museos celebrouse en Lugo en 1984. O terceiro tivo lugar no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en 1990. Os seguintes tiveron xa carácter monográfico: IV Investigación e Museos. Pontevedra, 1994 V Museos: do marco normativo á organización. Melide, 1997 VI A conservación preventiva. A Coruña, 2000 VII Museos: construíndo a Comunidade. Santiago de Compostela, 2002 VIII Os museos e o seu público. Ponteareas, 2004 IX Museos, espazo e discurso. Lugo, 2006.

Os coloquios contan co patrocinio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte – Xunta de Galicia, o mesmo que a edición das respectivas actas, publicadas en 1992 (recollendo parte dos materiais dos tres primeiros Coloquios), 1997, 1998, 2001, 2003 e 2006. Están no prelo as actas do IX Coloquio.

Ademais da organización dos Coloquios, desenvólvense periodicamente Xornadas Técnicas, concibidas eminentemente como un ámbito de análise e debate de problemas profesionais.

San Domingos de Bonaval 15703 Santiago de Compostela
Tel.(981) 583620 - Fax 554840| secretaria@cgmuseos.org
XHTML 1.0 Strict válido CSS válido

Co patrocinio da:Xunta de Galicia