Consello Galego de Museos

VIII Coloquio Galego de Museos

OS MUSEOS E O SEU PÚBLICO

Ponteareas – Mondariz Balneario, 30 setembro, 1 e 2 outubro 2004

Conclusións:

No VIII Coloquio Galego de Museos púxose de manifesto a diversidade de puntos de vista sobre un problema complexo, como é a relación museos-público. Constatouse a importancia da avaliación do público desde o propio museo, que pasou de contabilizar simplemente os seus visitantes a estudar o seu público, real e potencial. Complementariamente, ratifícase a necesidade de análises realizadas por especialistas, facendo fincapé en que estas non deben ser só cuantitativas e individuais, senón que deben ter en conta os respectivos contextos sociais.

Proponse, en consecuencia, potenciar os estudos de público para un mellor cumprimento de todas as funcións museísticas e unha maior relación museo-sociedade.

Constatouse a incidencia da globalización nunha maior diversificación dos usuarios dos museos, que non teñen por qué ser unicamente visitantes das súas salas de exposición. Chamouse a atención sobre os grupos específicos dun público que ten dificultades e problemas e que esixe unha integración total nos servizos museísticos, demandando como prioridade a eliminación das barreiras arquitectónicas. As novas tecnoloxías da información e o coñecemento poñen hoxe a disposición dos museos ferramentas con gran potencial de accesibilidade, tanto directamente como a través da rede.

Esta oportunidade esixe que os museos, á súa vez, asimilen e adapten a nova linguaxe comunicativa á transmisión dos seus contidos aos públicos presencial e non presencial. Proponse promover a incorporación e utilización das novas Tecnoloxías da Información e Comunicación desde e para os museos, sen perder de vista as outras funcións fundamentais destes centros. A aplicación e optimización destes recursos será máis doada na medida en que os museos cooperen e coordinen os seus esforzos.

Comprobouse a utilidade e a necesidade de reflexionar sobre a definición e o concepto dos museos no século XXI, recorrendo incluso aos textos clásicos antigos e modernos, o que debe reflectirse nas novas instalacións e montaxes. Ratificouse a importancia de coñecer experiencias diversas do mundo dos museos, moi diferentes no seu contido, na súa instalación e tamén nos seus públicos.

Débese prestar maior atención aos centros permanentes, xeralmente cunha longa historia, que custodian e transmiten un patrimonio real, e que se ven preteridos fronte ás macro-exposicións e ás instalacións efémeras, e fronte ao chamado mundo virtual.

En relación coas consideracións precedentes, reafírmase que o deber do profesional dos museos, como o de calquera traballador da cultura, non é o de establecer certezas ou principios inamovibles, senón o de proclamar en cada unha das súas accións e escritos o espírito crítico e o exercicio do mesmo sobre o seu campo de actuación e sobre a realidade no seu conxunto.

Co patrocinio de:

logtipo da Xunta
Xunta de Galicia.
Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.
Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Coloquios Galegos de Museos

Desde a súa oficialización mediante unha figura legal, a actividade do Consello Galego de Museos foise consolidando e ampliando. O segundo Coloquio Galego de Museos celebrouse en Lugo en 1984. O terceiro tivo lugar no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en 1990. Os seguintes tiveron xa carácter monográfico: IV Investigación e Museos. Pontevedra, 1994 V Museos: do marco normativo á organización. Melide, 1997 VI A conservación preventiva. A Coruña, 2000 VII Museos: construíndo a Comunidade. Santiago de Compostela, 2002 VIII Os museos e o seu público. Ponteareas, 2004 IX Museos, espazo e discurso. Lugo, 2006.

Os coloquios contan co patrocinio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte – Xunta de Galicia, o mesmo que a edición das respectivas actas, publicadas en 1992 (recollendo parte dos materiais dos tres primeiros Coloquios), 1997, 1998, 2001, 2003 e 2006. Están no prelo as actas do IX Coloquio.

Ademais da organización dos Coloquios, desenvólvense periodicamente Xornadas Técnicas, concibidas eminentemente como un ámbito de análise e debate de problemas profesionais.

San Domingos de Bonaval 15703 Santiago de Compostela
Tel.(981) 583620 - Fax 554840| secretaria@cgmuseos.org
XHTML 1.0 Strict válido CSS válido

Co patrocinio da:Xunta de Galicia